De acordo co plan de estudos do máster, o estudantado deberá cursar obrigatoriamente o módulo de Prácticum (6 ECTS) nun contexto profesional relacionado coa Prevención de Riscos Laborais. Os contidos das prácticas baséanse na consolidación e integración a través da experiencia práctica dos coñecementos, habilidades e competencias adquiridos a través das materias do máster. Trátase de contidos relacionados coa prevención, o diagnóstico, a intervención e a avaliación de riscos laborais.

Este módulo consta de 3 materias. O obxectivo das prácticas é que o estudantado, xunto coas persoas tituladas e/ou diplomadas, poidan obter unha experiencia de traballo para desenvolver os seus coñecementos teóricos e prácticos adquiridos no máster e que melloren as súas perspectivas de emprego de maneira integrada no plan de estudos.

Estas 3 materias son optativas e deberá escollerse de tal maneira que cursen 6 créditos ECTS:

  • Prácticas externas (6 ECTS optativa)
  • Prácticas en Instalacións industriais (3 ECTS optativa)
  • Prácticas para a Formación en PRL (3 ECTS optativa)

A materia Prácticas Externas permite ao estudante realizar as tarefas propias dun Técnico Superior en Prevención de Riscos Laborais e a adquisición de experiencia profesional. Estas prácticas externas deben fomentar ao mesmo tempo a adquisición das competencias específicas do título que garantan unha exitosa inserción no mundo laboral. Esta materia desenvolverase nunha mutua de prevención, institución, empresa, ou entidade externa guiado por un titor da Universidade e baixo a supervisión dun titor ou titora na empresa onde realice as prácticas. Esta materia recoméndase ao estudantado que non ten traballo pois lle dará o complemento práctico que necesita.

A materia Prácticas en Instalacións industriais é unha materia eminentemente práctica onde o estudantado aprenderá o coñecemento de diferentes tipos de procesos e o contacto directo coa realidade dos postos de traballo e o seu potencial perigo. Esta materia recoméndase ao estudantado que ten traballo e polas súas condicións laborais non pode deixar o seu posto de traballo durante un mes pero pode seguir a materia en días separados e cun horario diferente.

A materia Prácticas para a Formación en PRL exponse como unha simulación de prácticas en empresa, axuntando as 3 especialidades (seguridade no traballo, hixiene laboral e ergonomía e psicosociología aplicada). Realizaranse tarefas que impliquen tanto o traballo conxunto para as 3 especialidades, como o traballo individual para cada unha delas. Esta materia recoméndase ao estudantado que ten traballo e polas súas condicións laborais non pode deixar o seu posto de traballo durante un mes pero pode seguir a materia en días separados e cun horario diferente.

 

Normativa

Para o desenvolvemento da materia de Prácticas externas do máster, será de aplicación a normativa xeral da Universidade de Vigo, concretamente no seu apartado de prácticas curriculares.

Ligazóns de interese:

 

Documentación